Vin unha receta por internet (era de atún), e a verdade é que é rápida, e queda moi ben tamén con bonito. Incluso se pode deixar preparada a parte do encebolado e rematar a parte do bonito noutro momento.
INGREDIENTES
- 1 toro de bonito fresco (ou desconxelado)
- 1 cebola grande (eu usei ceboleta)
- 2 dentes de allo (eu usei unha cullerada de allo picado que teño en aceite)
- 2 follas de loureiro
- 1 cullerada de vinagre
- 1 cullerada de postre de pementón (eu usei gochugaru, koreano, non pica)
- 1 cullerada de postre de orégano
- Auga, sal, aceite e desas cousas
TEMPO
Media hora ou así.
PROCESO
Eu empecei cortando o bonito en tacos. As peles e espiñas púxenas a cocer nun cazo con auga. A lume medio en 20 minutos xa temos algo así como un caldo de peixe. De paso, salpementei os cachos de bonito. Mentras se facía o caldo seguín coa receta.
Cortamos a cebola en xuliana fina. Eu non usei toda a da foto dos ingredientes, pero podía telo feito porque merma bastante.
Poñemos o allo e a cebola na tixela cun pouco de aceite, a lume medio ou medio-baixo para que se pochen. Poñemos un pouco de sal e as 2 follas de loureiro. Hai a quen non lle gusta, pero a min si. Iso si, pode sacarse antes de acabar de pochar as cebolas, porque é bastante potente.
Cando está medio pochada, ou tres cuarto, apágase, bótase o pementón, revólvese uns segundos, e bótase o chupito de vinagre. Aquí foi cando eu saquei o loureiro.
Despois engádese o líquido. Pode ser auga, pero eu botei o caldo de peixe que fixera. Algo así como un vaso. Despois de que empece a globear, poñemos o bonito.
Por certo, que esta parte (poñer o bonito e acabar de cociñar o prato) pode facerse máis tarde, a cebola aguantaría ata o día seguinte sen problemas, tapada).
E emplatar e comer. Eu fixen unha ensalada de pepino, pero como sobrou o resto foi ó día seguinte cun arroz branco.
Comentarios
Publicar un comentario