
Xa facía que non escribía... esta é outra receta de aproveitamento, claro :)
Como o churrasco requente a min non me gusta demasiado, pois probei a ver que tal sabían as croquetas feitas coas sobras. E non están mal, non.
INGREDIENTES
- Churrasco que sobrou da comida (había 8 ou 10 costelos)
- Perexil (opcional)
- 3 culleradas de Fariña
- 3 culleradas de aceite e/ou manteiga
- Sal
- 3/4 de libro de leite aproximadamente
- Fariña
- Ovos (2 ou 3)
- Pan relado
PREPARACIÓN
A preparación é igual que o resto das croquetas, pero como cada un as fai como quere, pois aquí vai como as fixen eu.
Para empezar,sacamos a carne das costelas e picámolas. Eu usei o accesorio picador dunha batidora, e botei un pouco de perexil polo medio, pero todo é opcional.
Para facer as croquetas, o fundamental é facer a bechamel, e que quede bastante consistente, se non á hora de facer as croquetas desfaise todo. Pero o proceso é similar ó que expliquei para a bechamel da musaka.
Primeiro, botamos 3 culleradas de aceite ou manteiga, ou mezcla. A min gústame botar das 2 cousas. Se botamos só a manteiga hai que quentalo pouco a pouco senón pode queimarse ou separar o suero da graxa.
Botamos outro tanto (3 culleradas sopeiras) de fariña, e unha pizquiña de sal.
Cociñamos a fariña un par de minutos. Se non o facemos, a croqueta saberá a fariña crúa, e non é moi agradable. Cando teña a textura e color da foto, podes empezar a botar leite.
Non sei se o dixen xa noutra entrada ou non, pero é importante: ter unhas varillas para facer a bechamel fai que quede moito mellor e faise máis fácil. E costan algo así como un euro en calquera lado...
Empezamos a botar leite pouco a pouco e imos revolvendo. Como se ve na foto, non está o lume alto de todo, está no 8 (a veces 7) de 10, e a vitrocerámica esta de miña mai non é excesivamente potente.
Imos engadindo leite e revolvendo sen parar. Non te apartes do lume, que esto en 20 segundos que o deixes só quéimase. Eu apureime a sacar as fotos :)
Cando estea xa feita e teña unha consistencia algo gorda, damos por rematada a bechamel. Engadimos a carne picada e seguimos ó lume revolvendo un minuto ou así.
Hai quen bota a carne (ou o que sexa que leven as croquetas) ó principio coa fariña. A min paréceme máis fácil botalo ó final. Igual a bechamel colle máis sabor da outra forma, non sei, pero non creo que cambie de forma de facelas.
Botamos a mezcla nunha fonte ancha para que enfríe. Desde que atempere podes poñela na nevera. Hai que esperar bastante (eu normalmente déixoa na nevera un par de horas polo menos).
E o paso final: facer as croquetas. Non é difícil, pero mancha bastante. Hai que ir facendo as boliñas, e ir pasándoas (por este orden) en fariña, ovo e pan relado.
Como normalmente non imos comer todas as croquetas que se fan, podemos conxelalas. O que eu fago é coller unha fonte do forno (vale calquera outra cousa), forrala con papel de aluminio, e ir poñendo as croquetas sen que se toquen entre si, coma na foto. Meto todo así no conxelador, e unha vez que conxelen xa non se pegan, así que podo sacalas da bandexa e poñelas nunha bolsa.
O resultado final: fritimos as croquetas en abundante aceite, e escurrímolas en papel de cociña. Estaban bastante boas :)
Comentarios
Publicar un comentario