Unha maneira distinta de comer mexillóns, que non sexa con patacas fritas como os belgas, pero tampouco ó vapor (que están moi bos, pero fai falta un quintal deles para cenar algo). Ademais, "os meus amigos do brócoli" igual entran ó trapo ... ou non.
En fin, aquí queda, manchei potas de máis, pero creo que valeu a pena.
INGREDIENTES
Para unhas 4-6 racións, depende dos comensais. O pemento e a salsa de tomate son opcionais, pero quedan moi ben (foron ideas a posteriori, así que non van na foto)
- 2 Kg de mexillóns
- Un brócoli de 1/2 Kg ou así (a ollo)
- Un par de patacas
- 2 dentes de allo
- media cebola
- Pemento verde ou colorado
- 3 ou 4 cucharadas de salsa de tomate.
TEMPO
Uns 45 minutos aproximadamente.PROCESO
Empezamos por pelar e picar as patacas, e picar o brócoli. Por certo, que o toco pelado tamén sirve, e ten un sabor máis suave que os "arbolitos". Cocémolos (en auga ou ó vapor, como se queira) pero de forma que queden "al dente", porque os remataremos ó final con auga de mexillóns, e non queremos que se pasen.
Poñemos como medio vaso de viño tinto no fondo de outra pota, e cocemos aí os mexillóns. Nin nos mexillóns nin na guarnición botei nada de sal. Non o precisa.
Tras uns 15 minutos escasos, o brócoli e as patacas estarán case cocidos. Os mexillóns deberían tamén estar abertos. Escurrimos a verdura e sacamos a carne dos mexillóns. Eu tirei todas as cascas (podía usar algunha para adornar), pero reservei a auga de cocción dos mexillóns.
Pelamos e laminamos o allo, e picamos menuda a cebola e tamén os pementos. Aquí ía engadir tamén zanahoria ou setas, pero igual xa era pasarse, así que non o fixen. Tamén pensei seriamente en poñer chile, ou guindillas, ou algo picante, pero como non ía comer eu só, tampouco o fixen. Para a próxima ;-)
Noutra pota (si, xa dixen que manchara potas de máis) botamos algo de aceite, douramos os allos e logo botamos a cebola e o pemento. Aquí eu puxen algo de sal para que ablandase a verdura, pero paseime. Se botades sal, que sexa pouco, porque a auga dos mexillóns está moi salada...
Unha vez que está pochada a verdura, botamos as patacas, o brócoli e a carne dos mexillóns. Poñemos auga de cocer os mexillóns (que non cubra o material sólido) e engadimos 4 ou 5 cucharadas de salsa de tomate. A que se ve na foto é caseira e levaba tamén pemento, por iso non se ve moi "color tomate".
Revolvemos, cocemos uns minutos a lume lento (podedes pinchar unha pataca para retirar do lume cando vexades que está cocida) e deixamos repousar cinco minutos.
E xa está. Emplatar e comer.
Comentarios
Publicar un comentario