Quiche ou tartaleta, salada neste caso. Parece que a orixinal, a quiche Lorraine, ten orixe en Francia, e é de bacon. Hai quen a fai comprando a masa quebrada (normalmente chámanlle tamén masa ou pasta "Brisa" ou "Brise"), pero a miña idea era facer toda a receta: a masa quebrada, e logo o quiche.
Poden facerse variantes cambiando o bacon por outras cousas, metendo verduras por exemplo. Para o recheo tamén se usa normalmente nata de cociñar, pero eu utilicei leite evaporado. Xa de experimentar...
Por certo, que o quiche pode comerse tanto quente como frío. É unha ventaxa interesante!
INGREDIENTES
Os ingredientes son para 4 ou 5 persoas, dependendo da fame e de se hai algo de guarnición.
Para a masa quebrada:
- 250 g de fariña
- 150 g de manteiga
- 1 ovo
- unha pizca de sal
- Auga (opcional, un par de culleradas se queda seca; eu non a usei)
Para o recheo:
- 3 ovos
- 150 g de bacon
- 100 g de queixo relado
- 1/2 litro de leite evaporado (sirve nada de cociñar, creo que tamén sirve leite normal)
- sal e pementa opcionais
TEMPO
Eu recomendo facer a receta en 2 tempos: por un lado a masa quebrada, e por outro a quiche, xa que a masa debe repousar un mínimo de 1h na nevera.
Facer a masa quebrada leva uns 15 minutos escasos.
Facer o resto do quiche leva 1h aproximadamente.
PROCESO
Empezamos pola masa quebrada. Poñemos nun bol os 250 g de fariña, e os 150 g de manteiga, que debería estar fóra da nevera uns 10 minutos antes (para que ablande algo). Podemos engadir unha pizca de sal. Se a masa quebrada se vai usar para tartaletas dulces, que tamén sirve, pode botarse algo de azúcar. No meu caso, eu non o botei.
Empezamos a amasar todo xunto, coas mans.
Tras 2-3 minutos, xa aparece unha consistencia medio terrosa, non sei como explicar a textura. Non sei se a foto sirve de algo.
Engadimos o ovo, que fará que se hidrate a masa.
E seguimos amasando. Eu botei a masa na mesa, engadín algo de fariña, e fun amasando e facendo a bola. Non hai que engadir moita fariña. Tampouco hai que amasar moito. Non debe quencer moito a masa, porque a manteiga faría que reblandecese demasiado. Podería quedar como na foto seguinte.
Envolvémola en film, e levámola para a nevera. Debe repousar 1h como mínimo. O que fixen eu foi facer a masa quebrada a mediodía, e o resto á noite. Esta masa tal como está din que aguanta unha semana na nevera (de todos xeitos, olliño, que leva manteiga e ovo). Tamén se pode conxelar.
Continuamos para completar o quiche.
Sacamos a masa da nevera e deixamos que atempere uns 10 minutos. Eu non o fixen, e o aplanado foi un pouco irregular porque a manteiga endureceu co frío.
Collemos un rodillo, algo de fariña na mesa e encima da masa, e aplanamos. NON hai que volver a amasar, só estirala.
Nunha fonte para o forno (eu usei a típica das tartaletas) botamos unha gota de aceite, cun papel engrasamos toda a fonte, e logo enfariñámola, retirando o exceso de fariña.
Poñemos a masa quebrada na fonte. Para levala á fonte é moi cómodo enrolala (parcialmente) no rodillo e logo desenvolvela encima da fonte. Logo hai que apretala ben contra as beiras e o fondo (pode usarse un cacho de masa para empuxar, para non romper a masa cos dedos ou outro instrumento). Se sobra masa por encima é habitual usar o rodillo para aplastar contra o borde e sacar o que sobra.
E agora ven unha parte sen fotos, porque non sei onde as metín.
Hai que tostar algo a masa. Para iso, poñeremos un papeliño de forno sobre o fondo (opcional) e poñeremos peso (habitualmente úsanse garbanzos, que só se usan para isto xa que logo non valen para cociñar, pero eu collín unhas fabas porque estaban máis baratas... e non son comida, son contrapeso),
Metemos a masa no forno (recordade, prequentado a 200ºC) durante uns 12-15 minutos. Sacámola, retiramos as fabas e o papeliño se o puxemos, e metémola ó forno outros 3-5 minutos.
Mentras, salteamos lixeiramente o bacon (hai quen o escalda antes para sacarlle algo de sal e algo de graxa, eu non o fixen). Escórrese ben, e distribúese polo fondo da tartaleta.
Logo continuamos co resto do recheo: batemos os 3 ovos, se queremos poñemos sal (ollo, que xa vai o bacon) e pementa, e mesturamos ben co leite evaporado. Cun tenedor, non fai falta batidora. Botamos tamén case todo o queixo relado e mesturamos outro pouco.
Volcamos na tartaleta, e poñemos o resto do queixo (para que quede máis cara arriba cando calle todo). Neste momento estaría coma na foto, xa se ve que a masa está un pouco cociñada, pero non de todo.
Metemos todo no forno (que seguirá a uns 200ºC) durante 30 minutos aproximadamente. Podedes probar a clavar un coitelo e, se sae seco, xa estaría. Quedaría como se ve na foto seguinte.
Desmoldamos:
E finalmente, cortamos unha ración e servimos. Eu puxen un pouco de tomate de acompañamento. Está bastante bo. Como saudable xa o dubido, pola cantidade de graxa (manteiga, bacon, leite evaporado/nata), pero por sabor vale, e como experimento saíu ben á primeira! Tamén poderei probar a facer algunha variante con verduras, peixe, ou algo doce, en vez de bacon, a ver que tal.
Comentarios
Publicar un comentario