Unha receta "normal"? A medias. Ó final é unha tortilla con cousas. Tiña na neveira un cacho dun brócoli e un allo porro que non quería que se perdesen, e tiña unhas patacas e un pouco de cebola codidos dunha comida anterior. E había ovos, así que ... tortilla! Aínda que xa che digo eu que para algúns amigos igual había que cambiar o brócoli por chourizo 😈.
INGREDIENTES
Os que teñas. Eu usei:
- Dúas patacas cocidas pequenas
- Media cebola pequena cocida
- Medio brócoli
- Un allo porro
- 5 ovos
TEMPO
20 minutos aproximadamente. As patacas xa estaban cocidas!
PROCESO
Empecei por cortar e escaldar o brócoli durante 3 minutos desde que empezou a ferver (o brócoli da foto dos ingredientes xa estaba escaldado). Logo de picar todo o material, empecei por poñer na tixela, con pouco aceite, o allo porro.
E despois dun minuto máis, a pataca e a cebola.
Non lle botei nada de sal (ós ovos si). Salteei todo durante outros 2-3 minutos.
Batín os ovos poñendo un pouco de sal, e logo volquei os vexetais e revolvín ben. Como fago sempre coa tortilla, vaia ☺.
E para a tixela de novo, a lume alto.
Revolvín un pouco para que a parte do medio non estivera liquida de todo. Non é que non me guste a tortilla estilo Betanzos, líquida, é que me conozo e non quería armar un cristo ó darlle a volta.
E iso, dinlle a volta e a cociñar polo outro lado.
Dinlle unha segunda volta para tostar un pouco máis por fóra o primeiro lado.
E así quedou ó final.
Foto finish cunha pouca de leituga e cebola. Estaba boa, aínda que me quedou algo sosa.
Comentarios
Publicar un comentario