Isto empezou coa idea de facer okonomiyaki, que en xaponés é algo así como "o que che guste, á plancha" e resulta na maioría dos casos un reboutallo de repolo con outras verduras, katsuobushi (lascas de bonito desecado), panceta e que sei eu. E todo recuberto con DEMASIADA salsa okonomiyaki e mahonesa.
Como me pareceu demasiada salsa e demasiado tinglado, reduzo: tortilla de repolo, con algunha verdura máis, e algo de fariña. Todo crudo ata que se faga a tortilla, aínda que hai quen escoce, ou deixa en auga quente, ou mete no microondas, o repolo. Eu non o fixen, gústame a textura "al dente" que queda.
INGREDIENTES
- Un cuarto de repolo
- Unha cenoria
- Media ceboleta
- 3 culleradas sopeiras de fariña
- 4 ovos
- Sal e pementa, que non están na foto.
(Non usei todo o que sae na foto)
TEMPO
Media hora aproximadamente
PROCESO
Picamos o repolo (eu usei pouco máis da metade do que sae na foto) en xuliana moi fina. Tamén a ceboleta, e a cenoria. Para esta, eu usei un pelador e fun sacando lascas). Poñemos nunha ensaladeira, engadimos a fariña, sal, pementa, e os 4 ovos batidos. A fariña penso que é basicamente para que manteña algo mellor a consistencia, se non o ovo igual resbala sobre as verduras. Pero logo, no sabor, eu non a notei.
Mesturamos todo ben, poñemos unha tixela ó lume cun chisco de aceite no fondo, e botamos a mezcla. Como calquera tortilla, máis ou menos, pero a lume máis ben baixo unha vez que calla o fondo.
Digo "voltas" porque o fixen varias veces, e mantendo o lume medio baixo, así cocíñase algo a verdura que metemos cruda.
E xa está. Para a foto uns tomates, pepinos e un pouco de guacamole que me saíu bastante raro porque tiña pouco aguacate.
Nesta foto con este ángulo vese mellor a textura coa que quedou por dentro. A min gústame, xa é a segunda ou terceira que fago, que non a última.
Comentarios
Publicar un comentario