Creo que hai tantas recetas de "á mariñeira" como mariñeiros, así que aquí vai a que facía miña irmá. Ou a parte que eu recordo que facía, anque me parece que é bastante fiel. E por unha vez pesei algún dos ingredientes, e apuntei as cantidades!
INGREDIENTES
- 4 Kg de ameixas
- 7 ou 8 de cebolas, que a min me pesaron 1,6 Kg
- 4 dentes de allo, que me pesaron 60 g
- 4 follas de loureiro
- 4 guindillas
- 2 pastillas de caldo de pescado concentrado
- 1 cucharada de pimentón dulce
- 1/2 litro de viño branco
INGREDIENTES PROHIBIDOS
A fariña. Non se usa fariña de ningún tipo nesta receta. Miña irmá dicía "non lle fai falta fariña, faille falta máis tempo".
TEMPO
Unha hora e cuarto. Case todo para a salsa, abrir as ameixas son 10 ou 15 minutos.
PROCESO
Ameixas... hai de moitas clases. Eu teño comprado conxeladas e frescas, e a diferencia é abismal. Non no precio, senón no resultado final. Sen dúbida, as frescas!
Logo, está o tipo de ameixa. Supoño que a babosa é moi boa, pero eu non estou disposto a pagar 28€ por un kilo delas. Comprei a xaponesa, ou xapónica, a uns 6€ o kilo, e quedaron moi ben.
Hai que acabar de depurar as ameixas. Eu déixoas nunha tina con auga e sal unhas 12 horas (estas horas non as inclúo no tempo da receta, jejeje). Na foto vese o tamaño das presadas de sal que lles botei, que foron 3. Non temas que quede moi salado, logo hai que lavalas.

Á hora de poñernos a cociñar, coas ameixas xa purgadas e lavadas, empezamos pola salsa. Pelamos e picamos os dentes de allo e as cebolas. Eu piquei a cebola bastante fina, para que engorde máis a salsa, pero igual non é demasiado importante, porque imos pasalo pola batidora.
Podes picar e reservar tamén o perexil.
Cubrimos o fondo dunha pota con aceite de oliva, e poñemos a dourar os allos.
Logo botamos a cebola picada e as 4 follas de loureiro. Anque na tele eu teño visto que usan loureiro verde, na miña casa sempre se usou seco. O verde da deixa demasiado sabor, na miña opinión.
Pochamos a lume medio-baixo durante uns 40 minutos. Eu tiña a cociña de leña encendida, así que o puxen encima e aforrei algo de corriente.
Engadimos as 4 guindillas. Quedou ben, notábase o picor pero non demasiado. Se es moi sensible ó picante podes reducir a cantidade, e se che gusta moito podes poñer unha guindilla máis, pero non o recomendo. Claro que tamén depende do tamaño das guindillas. Eu usei as que se ven na foto.

Seguimos pochando a lume baixo. Engadimos o perexil picado.
Revolvemos, e engadimos o pimentón dulce, revolvemos e seguimos pochando.
Agora toca engadir o líquido. Primeiro botamos máis ou menos medio litro de viño, e subimos o lume a tope para que ferva (evapórase o alcol).
Podes aproveitar e botar xa as 2 pastillas de caldo de pescado.
Logo, botamos auga de cocer as ameixas. Se vas facer o plato completo xa, podes cocer todas as ameixas. No meu caso ía facer só a salsa e ó outro día meter as ameixas (así tivenas máis tempo purgando), así que apartei unha tarteiriña delas, laveinas ben, e abrinas en 5 minutos. Non hai botar moita auga, con que haxa un par de dedos no fondo da pota é suficiente, e ademais as ameixas soltan a súa, que é máis saborosa!
Unha vez abertas as ameixas, o que lles leva uns 5 minutos, colamos ben a auga (como dicía na receta da sopa de pescado e marisco, se tes un pano similar a unha sábana vella, ven moi ben para filtrar as impurezas que solten as ameixas.
Deixamos que levante a fervedura, e logo deixámolo a lume medio uns 20 minutos. Eu volvín a poñer a pota na cociña de leña, claro.
Logo sacamos as follas de loureiro, e pasamos a batidora pola salsa.
Non sei se nas fotos se aprecia a textura coa que queda a salsa.
Xa sabes, se non queda espesa, non botes fariña. Déixao cocendo a lume lento durante máis tempo.
E só queda cocer as ameixas e mezclalas. Isto pode facerse por separado. De feito, eu fixen a salsa un día e acabei o prato ó seguinte.
Poñemos as ameixas nunha pota para abrilas. Como antes, con 2 ou 3 dedos de auga, sen cubrilas.
En 10 ou 15 minutos estarán abertas. En vez de mirar o reloxo, mira que estean abertas :)

Eu recomendo poñer a salsa nunha pota ancha e baixa, para maniobrar mellor, e ir amecendo as ameixas abertas e ir revolvendo coa salsa.
Podes engadilas cunha espumadeira, e cando acabes non tires a auga de cocción! Para un arroz, ou para unha sopa, será moi útil.
Unha vez que as teñas todas,déixaas a lume baixo uns 5 minutos revolvendo ou movendo a pota para que se mezclen os sabores.

E para acabar, sírvese nun prato e pode comerse. Tamén podes limpar os bordes do prato antes de sacar a foto para o blog ;)
Bo proveito!
Moi boa Pinta, dixeronme que estaban insuperables!!!! gustame e adopto a idea de NON FARIÑA,gracias por compartir.
ResponderEliminarun saudo