Unha receta absurdamente simple, pero o asunto é que sabía ben, e ás veces o que faltan son ideas para facer de comer.
De paso, tamén probei o cacharro de cocher ó vapor que comprei nos chinos :)
En vez de usar un pancho (peixe "primo" do besugo pola miña zona) podes usar calquera outro. De feito, é a primeira vez que o como cocido, normalmente fágoo frito, á plancha ou ó forno.
INGREDIENTES:
- Un pancho (Pagellus acarne según google, anque non é exactamente un besugo)
- Unha pataca
- Un ou 2 brécoles
- 4 espárragos verdes
- 4 cenorias

TEMPO
Depende do cocida que che guste a comida. Aproximadamente media horaPROCESO
A idea básica é: Pela o que teña pelica, trocea o troceable, pono a cocer, sácao e cómeo. Por iso dicía que a receta era absurdamente simple.
Como quería cocer ó vapor, pois comprei un cacharriño metálico de meter dentro dunha pota, que me costou 2€ escasos. É o que sae nas 2 fotos seguintes, recollido (para que ocupe pouco) ou estirado para usar.
Hai outras opcións, claro:
- Potas que traen o accesorio
- Sistemas coma este que usei, pero para potas a presión
- O mesmo pero de mimbre. Vinos en programas de cociña de chinos :)
- Cocedeiros de vapor que se enchufan, teñen un depósito para a auga abaixo e vas apilando bandexas con furados de plástico. É unha boa opción se coces moito ó vapor, costaban uns 40€.
- Forno de vapor. Están moi ben, ou iso din. Se atopo 1.000 ou 2.000€ na cuneta, xa compro un e vos conto.
Pois pelamos a pataca e as cenorias, troceamos a pataca, as cenorias e o brécol, e poñemos todo a cocer. Para iso metemos o cacharriño de metal nunha pota, e botamos auga de xeito que que os alimentos queden en seco. É mellor deixar un centímetro ou así de espacio entre a auga e o fondo do cacharro este. Logo colocamos a comida. Podes salar e aromatizar, claro. Eu botei unhas areas de sal e unha ramiña de romero.
Para cocer ó vapor hai que tapar a pota, claro! :)
Cando vexas que está ó teu gusto, sácao. É mellor non andar destapando, porque escapa o vapor, pero porque levantes unha vez non pasa nada.
Eu tíveno cocendo uns 15 minutos ou así, non chegou a 20. Este é o aspecto que tiña. O que máis me gusta a min é que todo conserva
un color moi natural, sobre todo o verde do brécol e o color das
cenorias...
En calquera caso: o resultado final foi que o brécol e os espárragos estaban ben cocidos, o pescado máis ou menos tamén, pero as cenorias e as patacas estaban algo crúas.
Unha solución para quen considere esto un problema pode ser botar os ingredientes espaciados, empezando polos máis duros. Outra, picar en cachos máis pequenos os ingredientes máis duros (por exemplo, facer láminas de 1 cm para as patacas e as cenorias). A última opción, que é a miña, é que che guste a comida pouco feita, e que teñas fame bastante para non volver a poñer todo na pota.
Así que eu emplatei, saquei a foto que ven a continuación, e comín despois de aliñas cunha gota de aceite de oliva e un pouco de limón.
E polo mesmo prezo, outra suxerencia. Se che sobra (como me pasou a min) podes desmigar o pescado, trocear todo un pouco máis, engadir unhas aceitunas ou uns encurtidos, e xa tes unha ensalada. Alíñaa, e a comer. A comida é a mesma, pero variando a forma de presentala cambia o conto e parece que apetece máis.
Comentarios
Publicar un comentario