Hai moitos pans planos no mundo. Flatbread, que lle chaman os ingleses. Quizás o hindú máis conocido sexa o pan naan, pero a min deume por probar a facer este, o paratha. Non vin nos dicionarios da RAE ou a RAG ningunha palabra válida, aínda que nalgunha wiki vin "parata".
De calquera maneira: é un pan plano que non utiliza ningún tipo de levadura e se fai na tixela. Hai moitas variedades, incluíndo cousas como patacas na masa, e variedades onde amasas e estiras, ou a que eu fixen, un amoado líquido, denso, parecido ó da filloa, pero non leva ovos. E para non facelo "plano" de todo, engadín algunha cousiña polo medio.
Vale para acompañar, ou para comer só. Tén unha textura algo gomosa.
INGREDIENTES
- Unha taza de fariña (eu usei fariña de forza)
- Unha cullerada de postre de sal
- Unha cullerada de postre de orégano
- Unha cullerada de postre escasa de zucre moreno
- Unha cullerada de postre abundante 😊 de allo (eu tíñao picado e metido en aceite)
- Media guindilla colorada fresca en rodas finas (picor medio, diría eu)
- Unha cullerada sopeira ou así de cilantro fresco
- Un allete fresco en rodas finas
TEMPO
Uns 50 minutos en total. Sen présa, e para facer os 6 pans, que foi para o que me deu a masaa.
PROCESO
Empezamos por mesturar todos os ingredientes secos cunhas varillas.
Temos que engadir unha taza de auga (temperatura ambiente), ou algo máis ou menos, dependerá do espeso que queiramos o amoado. Máis líquido fai que se extenda máis na tixela, e quede máis fino (tipo filloa), máis espeso que quede algo máis gordo (tipo pancakes). Eu usei unha taza e quedou máis cerca dos pancakes que das filloas.
Empezamos engadindo media taza e batemos coas varillas.
Logo seguimos batendo ben, e engadimos o resto da auga. Ó final a textura que me quedou a min é a que máis ou menos se ve na foto.
E agora hai que fritir o pan. Eu botei unha pinga de aceite (a da foto) e repartín polo fondo da tixela. Pode botarse máis, pero prefiro que non quede tan engrasado. E hai que engrasar algo para cada pan. Sen nada de aceite queda mal, non me gustou o aspecto.
Cando a tixela teña algo de calor (lume medio, 7 de 10 na miña vitro) collemos un garfelo e botamos a masa, estendéndoa algo.
Cando estea pasada por un lado (seguinte foto, 2 ou 3 minutos despois) dámoslle a volta.
E logo podemos darlle un par de voltas máis. Supostamente, dándolle uns golpiños á masa na beira cunha espátula (a que usaba para viralas) créanse burbullas, a masa infla como un globo e cando se vira, ou cando se saca para o plato, volve a aplanarse. Eu nunca consigo esas burbullas nin que infle.
E cando considerei que estaba, que foi tras 7 minutos, saqueina para o prato.
E pouco máis. Reengrasar un pouco a tixela e repetir o proceso ata acabar o amoado. Non todos os panes quedan iguais, claro.
Comentarios
Publicar un comentario