INGREDIENTES
- Bonito, un toro pequeno (ben se ve ó lado da culler sopeira)
- Unha cebola mediana
- Allo, eu usei unha cullerada sopeira de allo picado que teño en aceite
- Unha cullerada de perexil seco (non está na foto), porque non o tiña verde
- Tomate
- Leituga
- Sal
- Pan. Do de verdade (de Carral neste caso)
Tampouco sae na foto: un pouco de vinagreta (metade aceite, metade vinagre) e fixen unha salsa con maonesa, sriracha de pementos de Padrón, e mostaza antiga.

TEMPO
Uns 20 ou 25 minutos.
PROCESO
Empezamos por picar a cebola (eu usei tres cuartos da da foto) en cachos grandes, sacar a carne do bonito sen espiñas nin pel, engadir un pouco de perexil, e unha area de sal. A verdade, tamén lle botei un pouco (unha cullerada do café ou así) dunha vinagreta que é metade aceite e metade vinagre, porque o teño usado para hidratar o bonito cando o fago á prancha.
Vai todo para o accesorio picador da batidora.
Despois dun par de minutos escasos, quedou unha pasta tal que así. Púxena no prato e leveina para a neveira mentres lavaba a leituga e facía unhas arandelas de cebola e rodas de tomate.
Un pouco de aceite na tixela, e a pranchar, a lume medio alto. Non usei todo o material porque era demasiado para o cacho de pan.
Fun montando o tomate, cebola e leituga...
E cando o bonito tiña esta pinta, saqueino.
Comentarios
Publicar un comentario