Saltar ao contido principal

Hamburguesa de bonito

 
Unha forma diferente de comer bonito. Como non o pasei demasiado, e leva cebola mesturada co bonito, estaba xugoso. Polo tema do anisakis, ó estar pouco feito, eu neste caso non teño problema porque tiña o bonito conxelado.
 
E con pan, pan. Non esa trangallada embolsada que lle chaman pan de hamburguesas.

INGREDIENTES

  • Bonito, un toro pequeno (ben se ve ó lado da culler sopeira)
  • Unha cebola mediana
  • Allo, eu usei unha cullerada sopeira de allo picado que teño en aceite 
  • Unha cullerada de perexil seco (non está na foto), porque non o tiña verde
  • Tomate
  • Leituga
  • Sal
  • Pan. Do de verdade (de Carral neste caso) 

Tampouco sae na foto: un pouco de vinagreta (metade aceite, metade vinagre) e fixen unha salsa con maonesa, sriracha de pementos de Padrón, e mostaza antiga.

 

TEMPO

Uns 20 ou 25 minutos.

PROCESO

Empezamos por picar a cebola (eu usei tres cuartos da da foto) en cachos grandes, sacar a carne do bonito sen espiñas nin pel, engadir un pouco de perexil, e unha area de sal. A verdade, tamén lle botei un pouco (unha cullerada do café ou así) dunha vinagreta que é metade aceite e metade vinagre, porque o teño usado para hidratar o bonito cando o fago á prancha.

Vai todo para o accesorio picador da batidora.

 

Despois dun par de minutos escasos, quedou unha pasta tal que así. Púxena no prato e leveina para a neveira mentres lavaba a leituga e facía unhas arandelas de cebola e rodas de tomate.


Un pouco de aceite na tixela, e a pranchar, a lume medio alto. Non usei todo o material porque era demasiado para o cacho de pan.

Fun montando o tomate, cebola e leituga...


 

E cando o bonito tiña esta pinta, saqueino.



E para o pan. A salsa que se ve por encima fíxena mesturando algo de maonesa, mostaza vella, e unha sriracha que teño feita con pementos de padrón. Ketchup non levaba, non señora.

 
Tapar co outro cacho de pan, e a papar. Estaba boa, probablemente repetirei.


 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Falafel

O faláfel (ou falafel, non o teño claro) é unha receta de oriente próximo ou oriente medio. Polo Líbano, por exemplo, ten bastante fama. INGREDIENTES Garavanzos (uns 350 g na foto) Perexil Cilantro Eneldo Allo (2 dentes aprox) Media ceboleta grande Especias (unha cullerada de café ou así de cada: Sal, pemento doce, pementa negra, cominos. Supostamente tamén levaría un par de clavos pero non os atopei na casa. Fariña (eu usei fariña de garavanzo, e esquecin poñela na foto)  TEMPO  Ademáis do tempo de ter os garavanzos en remollo (unhas 12 horas), o tempo de facelo será media hora, máis fritir. PROCESO O dia anterior hai que poñer os garavanzos a remollo. Logo úsanse crudos.   Poñemos o verde (a parte máis gorda tos tocos do perexil e cilantro non a usei) xunto co allo e a cebola cortada en cachos na picadora, e picámolos. Fago isto antes de poñer os garavanzos porque noutra proba con todo xunto non picaba ben. Despois poñemos os garavanzos, e picamos. Quizás eran demasia...

Guiso de mellixóns con brócoli e patacas

Unha maneira distinta de comer mexillóns, que non sexa con patacas fritas como os belgas, pero tampouco ó vapor (que están moi bos, pero fai falta un quintal deles para cenar algo). Ademais, "os meus amigos do brócoli" igual entran ó trapo ... ou non.  En fin, aquí queda, manchei potas de máis, pero creo que valeu a pena. INGREDIENTES Para unhas 4-6 racións, depende dos comensais. O pemento e a salsa de tomate son opcionais, pero quedan moi ben (foron ideas a posteriori, así que non van na foto) 2 Kg de mexillóns Un brócoli de 1/2 Kg ou así (a ollo) Un par de patacas 2 dentes de allo media cebola Pemento verde ou colorado 3 ou 4 cucharadas de salsa de tomate.     TEMPO  Uns 45 minutos aproximadamente. PROCESO Empezamos por pelar e picar as patacas, e picar o brócoli. Por certo, que o toco pelado tamén sirve, e ten un sabor máis suave que os "arbolitos". Cocémolos (en auga ou ó vapor, como se queira) pero de forma que quede...

Queixo crema para untar

 Isto, máis que unha receta, é crear un ingrediente, pero como tamén vale para untar e comer só, pois aí vai.  INGREDIENTES 1 litro de leite enteiro. Non iba poñer publicidade, pero é leite galego, así que ó carallo. 1 limón (o seu zume) sal TEMPO Unha media hora. Logo ten que repousar varias horas na nevera. PROCESO Poñemos o leite nunha pota ó lume. Cando estea cerca de ferver, engadimos o zume do limón e deixamos a lume medio.  Podemos revolver e ver como vai callando. Despois de 5 minutos apagamos. Deixamos repousar media hora ou así.  Este era o aspecto que tiña cando apaguei o lume. Logo colamos poñendo un trapo. En teoría sería un colador e unha estameña, pero non tiña, así que usei un cesto da freidora e un trapo que humedecín. Apretamos o trapo para escurrir o soro. Quedou así. Este foi o resultado, para que se vexa canto soro hai e que pouca cantidade de queixo. Botamos no vaso da batidora, engadimos sal ó gusto, e empezamos a batir. Para que quede máis cre...