Receta bastante rápida, sabe ben (se che gusta o curry algo picante) e con poucos ingredientes, aínda que algún pode ser máis complicado de conseguir. A pasta de curry eu conseguina no super asiático (Supermercado Amigo) da Coruña. O leite de coco non me acordo... na lata algo pon 😀 pero esa atópase hoxe en día bastante fácil tamén.
Hai pasta de curry tamén colorada (pica máis) e verde (que, aínda que acabo de ler que é máis floxa, para min pica máis aínda que a colorada, ollo!). Hai outra color laranxa (panang curry) con outro tipo de sabor (mezcla sabor doce).
INGREDIENTES
- Pito. Eu usei 2 contramuslos. Podes usar peituga (ou outra parte carnosa) pero normalmente é máis seca.
- 1 cullerada sopera ben chea de pasta de curry.
- 1 lata de leite de coco (quizás algo excesiva para só 2 contramuslos).
- Arroz: opcional, pero é o acompañamento habitual.
Eu non usei nada de sal. Non mirei se a pasta de curry o leva, pero na miña opinión non fai falta botarllo, e eu son dos que lle gusta o sal.

TEMPO
Media hora
PROCESO
Se vas usar arroz para acompañar, empeza por el, porque así xa estará recién feito cando acabes co resto. Eu collín arroz normal (o medio vaso da foto), engadín auga e púxeno ó lume. Hai quen doura un allo, logo doura o arroz, e engade a auga. A min non me apeteceu hoxe. Tamén se usa habitualmente arroz basmati, pero non tiña, así que usei un normal.
Separamos a carne dos contramuslos dos ósos e cortamos en cachos medianos, como se ve na foto.
Poñemos unha boa cullerada sopeira da pasta de curry nunha tixela sen nada. Eu quenteina e fun separándoa algo cunha culler de madeira.
Despois botei máis ou menos un tercio do bote de leite de coco. A lume medio, vai revolvendo coa chuller de madeira e aplastando o curry ata que quede feito unha especie de salsa densa.
Cando teñas esa salsa densa, bota o pito nela.
Sigue a lume medio e vai revolvendo para que non se pegue nada.
Despois duns 5 minutos, engade o resto do leite de coco. Hai quen lle engade algo de auga tamén, pero eu non o fixen. Dependerá da cantidade de pito que leve. De feito, para os 2 contramuslos todo o bote de leite de coco é demasiado. Eu useino todo porque o resto non ía usalo en breve, e para tiralo...
Sigue cociñando, revolvendo de vez en cando, outros 10-12 minutos. Dependerá do tipo de carne, pero o pito do supermercado cocíñase moi rápido. Se fose un galo da casa, igual había que cocer algo máis ;-)
E coincidindo co final deses 10 ou 12 minutos, o arroz estaba xa feito e algo repousado, así que a emplatar e a comer!








Comentarios
Publicar un comentario